logo

Viños

Os viños de Chaves

Dende a antigüidade testemúñase a elaboración do viño en Chaves como nos mostran os lagares escavados nas rochas. A maior concentración deles sitúase en Santo Estêvão, localizándose outros en São Lourenço, Outeiro Seco, Vilela... Non obstante no val e as súas abas prodúcese viño abondo para que dende fai xa moitos anos se instalasen dúas Adegas Cooperativas, unha en Chaves e outra en Oura, co fin de elaborar e comercializar o viño da zona que conta cunha boa referencia nos tintos e nos brancos procedentes dos viñedos de Santo Estêvão. Do pasado histórico da comercialización do viño de Chaves consérvase a Adega do Faustino, local restaurado con atractiva cuberta que hoxe funciona como restaurante.

Os viños de Monterrei

Sería no ano 1996 cando se recoñece pola Consellería de Agricultura a Denominación de Orixe Monterrei, integrada por unhas cantas adegas pioneiras. Non cabe dúbida de que, a pesar da súa curta e preguiceira andaina, os viños da denominación de orixe Monterrei, lograron conseguir xa un oco nos mercados de Galicia e do exterior. Así, as referencias a estes comezan a facerse visibles en revistas especializadas e non especializadas e os premios en cata son xa algo habitual, competindo mesmo cos demais do país e de fóra de máis longa tradición. A súa presenza en eventos gastronómicos e mesmo a consecución da certificación de Galicia Calidade para algúns, son bos síntomas da consolidada apreciación destes. O testemuño máis antigo da presenza do viño e a vide na zona, chéganos de man do achado en Mourazos do grupo escultórico romano do deus Dionisos e o sátiro Ampelos, ambos os dous relacionados co cultivo e consumo orxiástico do viño. Na actualidade, o cultivo da vide na zona conta con 3.000 hectáreas da cuales, 720 hectáreas, están amparadas pola denominación de orixe, rexistrándose máis de seiscentos viticultores e 25 adegas cunha produción de preto dun millón de botellas a partir de ao redor de 2.000.000 Kg de uva, dos que un 65% é branca e un 35% tinta.
web engineered by hostname.pt