logo

Chaves-Verín: unha historia común

A interrelación humana neste territorio remóntase ao Neolítico, continuando durante a Idade do Bronce e a época castrexa en que os Tamagani eran o pobo que se asentaba nas ribeiras do Támega. Durante a romanización xorden as villae como Verín e no ámbito das Caldas, o emperador Flavio Vespasiano funda no ano 78 d. C. o municipio de Aquaflaviae, orixe de Chaves.

A ocupación sueva trouxo no ano 462, a ruína para esta zona, causando a prisión de Idacio, bispo de Flavias. Séculos despois (716), serían os árabes os que ocupasen estas terras a inicios do século VIII. As guerras de reconquista traerían inestabilidade, miseria e emigracións, sendo Alfonso I de León quen primeiro as recuperara do dominio musulmán. Pero non sería ata o ano 878 en que definitivamente se levase a cabo o repoboación do val do Támega e da cidade de Chaves da man de Odoario en nome de Alfonso III. No ano 921 Ordoño II de León visita a zona, acompañado do conde Gutier, pai de San Rosendo, fundador do mosteiro de Celanova. Este cenobio recibiría en anos posteriores numerosas doazóns na bisbarra verinense e nas terras de Chaves.

No ano 931 xa aparece documentado o nome de Verín e comezan os preitos entre as sedes bispais de Ourense e Braga por diversos territorios fronteirizos. O casamento de Teresa, filla de Alfonso VI, con Henrique de Borgoña achegaríalle numerosas terras na zona fronteiriza incluída a cidade de Chaves. Neste tempo Teresa faría varias doazóns á sede bracarense como o Couto de Ervededo. En 1127, o rei Alfonso VII invadiría estes territorios sometendo a Teresa e devolvéndolle as súas posesións a Celanova. Un ano despois, o fillo de Teresa, Afonso Henriques vai combater a súa nai vencendo ás súas tropas e tomando posesión das súas terras. En 1134, Alfonso VII volve ocupar as terras flavienses, deixándoas baixo a tutela dos Fernán Méndez, señores de Bragança.

En 1145, Verín recibe carta de foro do mosteiro de Celanova para favorecer a súa repoboación. Este foral sería validado novamente no ano 1328. Os preitos por terras fronteirizas entre as dioceses de Braga e Ourense teñen o seu punto álxido no encontro que os reis Fernando II e Afonso Henriques de Portugal celebraron nas proximidades de Verín con presenza do bispo de Ourense e tres cóengos bracarenses, poñendo así fin aos preitos. A fronteira estabilízase e en 1274 remata e repoboa o castelo de Monterrei como garante dos novos límites.

No ano 1258, o rei Afonso III concédelle a Chaves carta de foro que sería renovada en 1350 por Afonso IV. Con Chaves baixo poder rexio vaise producir a crise dinástica de 1383 que levou ao alcalde de Chaves a tomar partido por Castela. O rei Juan I reconquistaría a praza de man do condestable Nuno Álvares Pereira a quen lle foi doada a vila. Esta foi incluída como dote da súa filla Beatriz que ao casar con don Afonso, fillo ilexítimo de João I, farían de Chaves unha posesión da casa de Bragança onde viviron e morreron ambos os dous.

A finais da Idade Media, Chaves e Monterrei son vilas importantes e compartían as rutas xacobeas. En ambos os dous lugares e por escasa marxe de anos van instalarse impresores que traballando en ambos os dous lugares van dar a luz dúas xoias bibliográficas como o Sacramental de Chaves en 1488 e o Misal Auriense en 1494. A comezos do século XVI, Chaves recibiría de don Manuel, un novo foro confirmando os anteriores.

Os anos que ocupan a Idade Moderna, van ser de continuos enfrontamentos fronteirizos no Val con ocupación de lugares e prazas por ambos os dous lados. Non sería ata a invasión napoleónica que as forzas dun e outro lado da fronteira se unisen contra o inimigo común.

As convulsas guerras civís dos séculos XVIII e XIX en Galicia e Portugal, levarían numerosos refuxiados e intrigantes, a un e outro lado da fronteira en busca de apoios. Unha das últimas incursións dende Galicia sería a do monárquico Paiva Couceiro en 1912. No ano 1929, a vila de Chaves foi elevada ao rango de cidade ao converterse por poboación e dinamismo nun importante centro urbano.

A fronteira

A fronteira recibe popularmente en ambos os dous lados e dende tempos inmemoriais, o nome de "Raia", constituíndo un dos aspectos máis definitorios da zona ao non existir apenas grandes accidentes xeográficos que a delimiten. Este aspecto, marcaría dende antigo as características económicas e sociais da zona e dos habitantes dun e doutro lado. Como forzada fronteira xeográfica, partiu ao mesmo Val do Támega en dous e foi motivo de amores, odios e solidariedades diversas. A actual política comunitaria de eliminación das fronteiras reavivou proxectos económicos, culturais e sociais, latentes dende sempre a pesar das ignominiosas guerras que avivaron enfrontamentos seculares hoxe felizmente superados. Os aspectos comerciais, incluído o clandestino contrabando, foron os que nos últimos anos caracterizaron as relacións interfronteirizas aos ollos de moita xente.

Dende antano, as relacións sociais entre os pobos da "raia", manifestábanse primordialmente na asistencia aos oficios relixiosos dun e doutro lado, nos matrimonios mixtos, no intercambio ou venda de diversas mercadorías e na asistencia sanitaria e axuda mutua en caso de catástrofes. As manifestacións de solidariedade cos fuxidos e exiliados en tempos de represión e de persecución política, son tamén unha inesquecible contribución que merece destacarse para exemplo de moitos. As numerosas variacións da fronteira xeográfica teñen, en boa medida, coadxuvado a esta interrelación. Tan «arraianos» son os de aquí como os do outro lado e esta palabra que aínda non hai moito tempo era usada en ton pexorativo (raiotos), convértese hoxe en sinónimo de identificación e motivo de honra para as xentes desta ampla zona galaico-portuguesa. A raia fronteiriza, como se pode comprobar polos documentos, é case unha concepción moderna, apurada polas consecuencias das guerras, pero sempre foi unha fronteira viva onde os costumes, recursos, cultura e poboación crearon unha inherente intercomunicación e solidariedade que ten a súa orixe no máis profundo da historia.
web engineered by hostname.pt