Patrimonio balneario

Termas de Chaves: Na cidade de Chaves, xunto á marxe dereita do río Támega, brotan augas de composición única na Península Ibérica: hipertermais, bicarbonatadas, sódicas, mesomineralizadas e gasocarbónicas.
As augas quentes de Chaves teñen tradición milenaria na cura de afeccións óseo-articulares, músculo-esqueléticas, do aparello dixestivo e do aparello respiratorio. Aproveitar estas propiedades medicinais para a prevención e a cura dos males da sociedade moderna (tensión, cansazo ou ansiedade) está ao alcance de todos no SPA DO IMPERADOR. 
Posúe ademais unha zona no exterior, onde poder tomar a auga directamente do nacente por vía oral.

Termas de Chaves

Manancial de Fontenova: Coñecido tamén como Fonte do Espido ou A Fontela. As súas augas bicarbonatadas, sódicas, fluoradas e litínicas están indicadas para o tratamento de doenzas renais, estomacais, hepáticas e intestinais. Declaradas de utilidade pública en 1904, algúns estudos afirman que xa na época romana eran coñecidas as súas calidades excepcionais.

Nascente de Fontenova

Balneario de Cabreiroá: Declaradas de utilidade pública en 1906, as augas deste emblemático manancial, clasificadas como bicarbonatadas, sódicas, cálcicas, litínicas e acídulas, teñen un sabor fresco, suavemente picante. Trátase dun auga fantástica para favorecer a dixestión, estimular a mobilidade gástrica, así como o tránsito intestinal, biliar e pancreático.
O segredo da súa excelente calidade reside, principalmente, no seu manancial e no contorno natural no que se asenta. Merece a pena contemplar a maxestosa fachada do antigo hotel-balneario, que tamén tivo uso de cuartel e de hospital.
A extracción da auga, a unha profundidade superior aos 100 metros, garante a súa pureza e a conservación de todas as súas propiedades.

Balneário de Cabreiroá

Manancial de Sousas: Declaradas de utilidade pública en 1859. As súas augas son bicarbonatadas sódicas, litinícas, lixeiramente fluoradas e de mineralización débil, e actúan como excelente depurativo, diurético e desintoxicante. O seu contido en fluor convérteas en idóneas para ser consumidas regularmente por lactantes e nenos menores de 7 anos, evitando a fluorosis dental e carie.

Nascente de Sousas

Manancial de Caldeliñas: Declaradas de utilidade pública en 1859, as súas augas, de mineralización media, bicarbonatadas, sódicas, fluoradas e litinícas, nacen a 25º C acompañadas de abundantes burbullas. Son recomendadas para problemas de pel e reumatismos, mediante baño e aplicación externa.
O antigo balneario mantén a súa estrutura exterior intacta.

Nascente de Caldelinas

Fonte do Sapo: Este manancial nace de abaixo arriba, e atópase cuberto por pedras, como unha fonte rústica. As súas augas bicarbonatadas, sódicas, sulfuradas e con presenza significativa de fluoruros, litio e amonio, son recomendadas para doenzas gastro-hepáticas e para os trastornos respiratorios. Utilízase tamén en aplicación externa para afeccións da pel.

Fonte do Sapo
web engineered by blip.pt