logo

O presidente da Eurocidade Chaves – Verín preside a reunión do Foro Termal do Eixo Atlántico

03-07-2018

O pasado venres, 29 de xuño, tivo lugar na sede da AECT Eurocidade Chaves-Verín a quinta  reunión de traballo do Foro Termal do Eixo Atlántico. A cita  foi presidida por Nuno Vaz, presidente do Forum Termal e presidente da AECT Chaves-Verín. Participaron, ademais dos representantes da Eurocidade Chaves – Verín, delegados das cidades de Lugo, Carballiño, Caldas de Reis, Santa María da Feira e Guimarães.

O Foro Termal do Eixo Atlántico está a levar a cabo accións para a promoción de hábitos biosaudables, a investigación en colaboración con universidades, a promoción conxunta dos destinos termais, captación de recursos de financiamento con programas e plans europeos ou a formación e visibilidde dos recursos propios, tanto termais como históricos e patrimoniais.

Para poder seguir a traballar nesta liña, durante a reunión abordáronse os seguintes temas:

-          A creación dunha  guía do termalismo da Eurorrexión, que estará lista no inicio do outono e está a ser coordinada polo Concello de Ourense.

-          A posta en marcha dun Club da Auga, co obxectivo de favorecer a compra de augas de excelencia da Eurorrexión, así como ofertas termais e promocións das cidades. A entidade que xestiona esta acción é  a Eurocidade Chaves-Verín.

-          A elaboración dun inventario das necesidades do termalismo, que serán trasladadas tanto aos gobernos rexionais e nacionais como á Unión Europea. O Concello de Caldas de Reis liderará esta terceira comisión.

-          A organización dun Seminario de Intercambio de Experiencias  que aborde o estado do termalismo na Eurorrexión e as medidas para impulsalo, así como estudar as posibilidades de financiamento comunitarias para algunhas destas actividades

Foro Termal do Eixo Atlántico.

Esta rede termal ten como misión desenvolver unha estratexia conxunta de divulgación, promoción e posta en valor do termalismo e da cultura e patrimonio termal da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ao que se sumará a promoción do intercambio de boas prácticas e a participación conxunta en proxectos e iniciativas de todo tipo.

A Eurocidade Chaves – Verín  impulsa o Foro Termal do Eixo Atlántico co obxectivo de promocionar o  termalismo do territorio do Eixo Atlántico, dado o potencial turístico que este recurso natural posúe.

web engineered by hostname.pt