logo

A Eurocidade Chaves-Verín será este xoves punto de encontro de “Milenials” europeos

22-05-2018

A  Eurocidade  Chaves-Verín foi seleccionada pola Comisión Europea como etapa da Ruta Atlántica do proxecto " EU  Road  Trip” (Viaxe por estrada en Europa). Este proxecto, dirixido a mozos e mozas “milenials” (aqueles nados entre 1982 e 2004 que son esencialmente dixitais e fans das  APPs e as redes sociais), esténdese por toda Europa e está dividido en 4 rutas: Danubio, Mediterráneo, Báltico e Atlántico. Un total de 8 mozos/as percorrerán unha viaxe de máis de 12.000 Km acompañados dun equipo de produción e as súas cámaras  selfie.

 

A aventura da parella de mozos, Yldau (moza holandesa) e  Fabian (mozo Lituano), que percorrerán o marco atlántico da UE deu comezo o sábado 19 de maio en Cabo da Roca (Portugal), punto máis occidental do continente Europeo, e continúa  por Coimbra (Pt), Porto (Pt) chegando a  Chaves-Verín (PT-É) o vindeiro xoves 24. Os protagonistas chegarán ao barrio sur (  Chaves) e pasarán unha xornada rodeados de mozos e mozas da  Eurocidade, que lles mostrarán o que é vivir nunha zona transfronteiriza, compartir servizos co cartón do  eurocidadán, descubrir os puntos turísticos do destino, poñer un pé en Portugal e outro en España, visitar a sede da  Eurocidade no Km 0, vivir 25 horas ao día e descubrir as nosas augas  mineromedicinais.

 

A Ruta Atlántica levará aos dous mozos durante 27 días polas cidades máis importantes da franxa atlántica da Unión Europea e concluirá o próximo día 16 de xuño en Róterdam (Holanda). O obxectivo é dar a oportunidade de coñecer Europa mediante contidos innovadores e frescos dirixidos aos máis novos. Toda a viaxe será  viralizado en redes sociais, nunha aposta Europea polas novas tecnoloxías.

 

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial  Eurocidade  Chaves-Verín está a colaborar desde o inicio con este proxecto que permitirá, da man dos máis novos, dar a coñecer e  valorizar  por toda Europa o territorio da  Eurocidade  Chaves-Verín, as súas potencialidades.

 

Ademais, a sede da  Eurocidade acollerá tamén o xoves 24, de 16:00  a 19:00 horas, un encontro de  youtubers voluntarios Europeos co obxectivo de promocionar e estimular a innovación e crear sinerxías de traballo  entre os mozos galegos e portugueses dentro dos parámetros da creatividade dixital. O obxectivo é crear unha actividade multidisciplinar para mozos voluntarios que queiran coñecer outras experiencias no marco do marketing dixital, tan necesario actualmente na nosa sociedade.  

web engineered by hostname.pt