logo

Presentación da iniciativa “shape it, move it, be it!” na sede da Aect Chaves-Verín

05-05-2017

Onte pola tarde, a sede da Eurocidade Chaves Verín acolleu a presentación da iniciativa “Shape it, move it, be it!”, enmarcada no programa Erasmus + da Unión Europea. Trátase dun evento transfronteirizo de 3 días (4,5 e 6 de maio) entre España e Portugal para celebrar e compartir a Semana Europea da Mocidade 2017, no que participarán 30 mozos e mozas  de ambos lados da raia.

 

No acto estiveron presentes Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín; João Neves, concelleiro de Turismo do Municipio de Chaves; Javier Dourado, director xeral do Injuve; Ignacio Soa, director da Axencia Nacional Española; Pedro Reis, subdirector da Axencia Nacional Portuguesa;  Cecilia Vázquez, Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e Yolanda Otero, subdirectora xeral de Programas para Xuventude.

 

Esta iniciativa ten como principais obxectivos: visibilizar a SEJ 2017 “Joining hands for Europe”, analizar o impacto positivo do programa Erasmus, explorar o concepto de cidadanía europea, dar a coñecer e promover as diferentes vías de participación, axudando a configurar  o futuro individual e o futuro de Europa, reflexionar sobre a mocidade europea e a súa unión desde a solidariedade e ofrecer información sobre recursos e apoio aos mozos que ofrece a Unión Europea a través de Erasmus +.

 

Na súa intervención, Diego Lourenzo, quixo agradecer  a elección da Eurocidade Chaves-Verín como “escenario transfronteirizo” para levar a cabo esta importante iniciativa.  “O lugar elixido non e unha cuestión menor, estamos na raia. No edificio simbólico da antiga aduana, un edificio que antes separaba e que agora e referente de creación de cidadanía Europea”.

 

Lourenzo salientou tamén que a Oficina Transfronteiriza da Xuventude, xunto  co seu local de ensaios, converteuse nun punto de referencia informativo en materias de emprego, cultura, lecer e formación no territorio da Eurocidade “É un orgullo ver como, case 5 anos despois da súa creación, conseguimos desenvolver decenas de accións de formación, aprendizaxe, animación musical, artística, cultural e turística que envolveron a centos de mozos e mozas de ambos barrios da eurocidade e tamén de fora das nosas fronteiras.” rematou o tenente de alcalde verinense.

 

Semana Europea da Mocidade (SEJ 2017)

Europa celebra do 1- 7 de maio a oitava edición da Semana Europea da Mocidade (SEJ 2017), que comprende unha ampla gama de acontecementos e actividades organizadas nos 33 países que participan no programa Erasmus+ da Unión Europea.

web engineered by hostname.pt