logo

O seminario "As idades da auga" resalta o papel integrador da auga, e a necesidade do coidado e protección deste recurso milenario na Eurocidade Chaves-Verín

07-04-2017

O seminario internacional “As idades da auga: as augas construtoras de paisaxes”, organizado pola Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega coa colaboración da Deputación de Ourense e a Eurocidade Chaves-Verín, rematou hoxe coa presentación das conclusións dos traballos. Nas xornadas participaron unhas 30 persoas, nas que tamén se fixeron visitas aos balnearios, con especial atención ás piscinas romanas. As conclusións establecen propostas baseadas na sostibilidade, na transversalidade do territorio co río como eixe principal, na integración paisaxística, na posta en valor da agricultura.

Na clausura do seminario estiveron presentes, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, o vicepresidente da Cámara de Chaves, Carlos Penas, o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, a directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, e o director da Eurocidade Chaves- Verín, Pablo Rivera.

As propostas xurdidas a partir do traballo multidisciplinar realizado durante esta semana por los alumnos do seminario, parten de diversas ópticas e abarcan diferentes escalas e obxectivos, sen perder nunca de vista a riqueza termal, patrimonial e natural deste val. As propostas de maior escala, aquelas que abarcan o ámbito territorial da Eurocidade, céntranse no río Támega e no espazo agrícola da Veiga de Chaves como elementos xeradores dunha identidade e espazo común. A riqueza da estrutura agraria e a tradición rural da contorna aparecen coma unha das claves revitalizadoras e lugar de encontro da poboación da Eurocidade. Para conseguir este obxectivo, suscítanse varias propostas que pasan pola limpeza e recuperación da calidade do auga a partir de sistemas e filtros vexetais de macrófitas, ao longo do río, ou en puntos determinados, contribuíndo tanto á súa limpeza como á súa mellora paisaxística. Entre estas accións, existe unha proposta para estudar o filtrado e aproveitamento do auga procedente das instalacións termais para cultivos hidropónicos que, aproveitando a calor sobrante, xeren algas destinadas á fabricación de cosméticos.

A revitalización da Veiga de Chaves, e a súa transformación cara á agricultura ecolóxica coa constitución dunha denominación de orixe con sede na zona fronteiriza e distribución de produtos de horta de proximidade outorgarían un valor engadido aos restaurantes e balnearios da zona. Para iso sería necesaria a creación dun sistema transversal ao eixe prioritario norte-sur que integre todo o val e á súa poboación na realidade da Eurocidade, a través da relación das instalacións termais co río.

Outra das propostas establece unha relación paisaxística entre as diferentes instalacións termais do núcleo de Verín, a partir da utilización dunha linguaxe común inspirada no carácter milenario das augas que alí xorden. Esta proposta, suscitada nunha fase inicial no núcleo de Verín sería extrapolable ao resto de instalacións termarias existentes no ámbito da Eurocidade.

O obxectivo deste workshop era o de divulgar o territorio e os recursos do lugar; incorporar o termalismo e a paisaxe como obxectos de investigación e formular propostas que sirvan como base para a xestión e ordenación territorial de Verín-Chaves e para o desenvolvemento de futuros proxectos europeos. O escenario elixido foi a Eurocidade Chaves-Verín, polo seu papel na promoción da cooperación territorial desde os seus diversos ámbitos, entre os que destacan o turismo e o termalismo.

 Os relatores do seminario, coordinado polo arquitecto Mario Crecente, profesor e director de Crecente Asociados, tiñan contrastado prestixio internacional: Joao Nunes, arquitecto paisaxista docente en varias universidades con intervencións de primeira liña a nivel mundial; Paul T. Simons, arquitecto especialista en patrimonio histórico e turismo termal, exdirector de promoción da cidade de Bath e secretario de Great Spas of Europe, ou Barbara Van Der Wee, experta en paisaxes culturais e profesora da Universidade de Ku Leuven (Bélxica). Tamén participaron Luis de Ramón Sánchez, xeólogo e experto en augas termais e minerais, e Mercedes Márquez, membro do Grupo de Investigación da Escola Galega da Paisaxe e docente do Master Juana de Vega en Arquitectura da Paisaxe. 

web engineered by hostname.pt