logo

As Eurocidades Ibéricas acordan constituírse como rede para compartir experiencias e acometer proxectos en común

08-03-2017
A Eurocidade Chaves-Verín, AECT, participou de forma activa nos encontros de cooperación organizados pola Eurocidade do Guadiana. En dúas xornadas de traballo, luns e martes celebráronse: o II Encontro Técnico de Eurocidades Ibéricas seguindo o precedente que Chaves-Verín iniciara en decembro de 2015 e o I Foro de Turismo de Fronteira que contou cunha amplísima representación institucional, política, económica e civil do sur da Península Ibérica. Entre eles, os presidentes das CCDR Alentejo e Alentejo- Algarve e Andalucía, o Secretario de Acción Exterior da Xunta de Andalucía, os alcaldes dos tres municipios que forman a Eurocidade, os presidentes de asociacións de empresarios de ambos os lados da fronteira, etc.

No encontro técnico, as Eurocidades Chaves-Verín, AECT, Tui-Valença do Minho e do Guadiana acordaron traballar nun convenio que permita crear a Rede Ibérica de Eurocidades co obxectivo de intensificar os intercambios e potenciar a transferencia de coñecementos adquiridos por parte destas estruturas de cooperación territorial de proximidade. As bases desta estrutura de coordinación entre as mesmas definiuse con motivo da celebración en Castro Marim (Portugal) da segunda Xornada Técnica de Eurocidades que foi presidida pola responsable de Eurocidade Almontina, a Tte. Alcalde Dª. María Soledad Guadamillas Moura.

A constitución desta Rede Ibérica de Eurocidades pretende aglutinar o conxunto destas entidades -Eurocidades- que actualmente operan na península ibérica, tanto na fronteira luso-española como na hispano-francesa, para fomentar a coordinación e potenciación dunhas relacións que cobran maior sentido entre este tipo de entidades debido á similitude de problemáticas existentes nos territorios transfronteirizos, habitualmente con formatos de resolución que non dependen do ámbito de actuación das autoridades locais, rexionais e mesmo nacionais.

As Eurocidades convertéronse en proxectos pioneiros no seo da Unión Europea para ejemplarizar un novo modelo de cooperación de segunda xeración que vai máis aló da mera colaboración institucional, sendo unha das principais demostracións de que é posible adoptar un novo modelo de cidadanía europea.

Entre os obxectivos das Eurocidades está a posta en común dos recursos, a través do plan e xestión conxunta de servizos e equipamentos das súas cidades. As intervencións, próximas aos cidadáns, pretenden promover a converxencia institucional, social, cultural e ambiental entre as súas cidades, que pasan a utilizar o efecto fronteira como unha oportunidade de desenvolvemento territorial e socio-económico.

Na Rede de Eurocidades Ibéricas, ademais das tres entidades presentes na Xornada de Eurocidades en Castro Marim, convidarase a que formalicen a súa entrada na mesma á Eurocidade Vasca e a Elvas-Badaxoz.O acordo ratificarase coa firma dos seus estatutos o próximo mes de xuño polos máximos representantes políticos das diferentes Eurocidades Ibéricas e daráselle coñecemento do mesmo á Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET).

web engineered by hostname.pt