logo

A Eurocidade Chaves-Verín presentou en Xantar o seu pack turístico centrado no retorno do auguismo

02-02-2017
Día de Verín en Xantar. A Eurocidade Verín-Chaves presentou hoxe ante numerosos operadores turísticos e prensa especializa o “primeiro produto turístico transfronteirizo” , segundo destacou o tenente de alcalde, Diego Lourenzo,  da Unión Europea: a ruta termal e  das augas Verín-Chaves.
Na presentación ante a prensa especializada, o tenente de alcalde estivo acompañado polo secretario técnico da Eurocidade, Pablo Rivera, que destacou que este ano “temos comercializado o destino turístico Verín-Chaves, o primeiro transfronteirizo de Europa, o cal nos enche de orgullo”.

Pola súa banda, Diego Lourenzo, destacou que “para nós unha ledicia estar presentes en Xantar coa oferta termal e aguista da Eurocidade Verín-Chaves”. Sinalou que en 2016 “Verín voltou a reabrir ás súas fontes termais tradicionais logo de case medio século sen actividade, e que grazas a esta reapertura e ó apoio da Eurocidade, máis de 8.000 auguistas visitaron a nosa vila”.

O tenente de alcalde afirmou que “esta presenza nosa en Xantar este ano pretende ser a pretemporada  para o retorno do augismo a Verín”. Para elo, sinalou, que ademais da presenza de Verín  dentro do roteiro termal da Cidade da Auga Verín-Chaves-Vidago, este ano existe unha novidade moi importante, xa que “por primeira vez na historia dos modernos operadores turísticos, as axencias, han contar cunha oferta diferenciada, un pack, que inclúe a Verín como destino vacacional”.

Diego Lourenzo explicou que esta oferta inclúe catro días, con estancias en todos os balnearios e surxencias da Eurocidade, que permitirán a calquera poder disfrutar das súas vantaxes. “Era o noso obxectivo este ano, e aquí está”, dixo, ó tempo que invitaba “a todos os operadores turísticos e ó público en xeral a acercarse ó noso Stand a coñecer este novo produto turístico galego, e a que participen con nós deste rexurdir dos balnearios de Verín”.

Posteriormente, ante os representantes das entidades máis importantes de turismo do norte de Portugal, entre elas Porto e Braga, e coa presenza da directora xeral de Turismo, María Teresa Nava Castro, Diego Lourenzo realizou unha invitación xeral a coñecer todos os atractivos turísticos da Eurocidade, destacando os elementos patrimoniais e naturais e, especialmente, “o mellor entroido do mundo”. 

web engineered by hostname.pt