logo

A AECT Eurocidade Chaves-Verín presente na asemblea xeral da Asociación Europea de Cidades Históricas e Termais (EHTTA)

16-04-2016
A AECT Chaves Verín participou activamente na Asemblea Xeral da Asociación Europea de Vilas Termais Históricas, celebrada o pasado 14 de abril, na histórica cidade termal de Karlovy Vary (República Checa). Á cita acudiu  unha delegación técnica en representación da AECT que, xunto a máis de 40 delegados das principais cidades históricas termais europeas, abordaron o futuro das políticas turísticas e termais a nivel comunitario.

Na axenda de traballo, da que a AECT é membro desde o 2015, tamén levaron a cabo diferentes reunións e talleres sectoriais nos que a AECT tivo un papel relevante na análise de fondos europeos nos que poida participar a curto prazo con outros membros da asociación. Neste sentido decidiuse lanzar unha candidatura conxunta ao programa Interreg que permitirá a captación de fondos para a promoción do destino Chaves-Verín como parte do itinerario cultural europeo para os próximos 4 anos.

A participación da AECT na EHTTA supón unha enorme fonte de oportunidades e vías de financiamento a través de fondos comunitarios así como formar parte dun escaparate internacional único xunto cos mellores  especialistas europeos do  sector e  representantes das principais cidades termais Europeas.

O territorio Chaves-Verín xunto con Ourense e co apoio da Xunta de Galicia, hanse candidatado para albergar a asemblea da EHTTA no 2018.

Entre os obxectivos da AECT  atópanse:
- A necesidade de impulsar e  protexer o patrimonio cultural e  artístico asociado ao  termalismo e o agüismo no territorio Chaves Verín.
- Participar na promoción dun sistema a nivel Europeo que  implique a diversas institucións a través do apoio en proxectos europeos  co obxectivo de crear unha Ruta Europea de Balnearios e  cidades termais
- Impulsar, promover e desenvolver a investigación centrándose principalmente no  patrimonio arquitectónico e nas propiedades terapéuticas das augas.

A Asociación Europea de Cidades Históricas  e  Termais (EHTTA), creada en 2009 en Bruxelas, é unha rede composta por cidades termais de mais de 30 países europeos, onde figuran, entre outras, Vichy -Francia-, Bath -Reino Unido-, Baden Baden -Alemaña, Montecatini Terme -Italia, Budapest - Hungria, Daruvar. Todas elas contan cun patrimonio arquitectónico singular e emblemático vinculado ás augas mineiro medicinais e termais con propiedades beneficiosas e recoñecidas a nivel europeo.

A EHTTA foi designada polo Consello de Europea como itinerario cultural europeo e os seus obxectivos son: estimular, protexer e promover o desenvolvemento das cidades termais, salvagardando o seu patrimonio histórico termal a través do intercambio de experiencias e boas  prácticas a nivel europeo.
web engineered by hostname.pt