logo

A Comisión Europea Concede O Premio De Mellor Proxecto Europeo A Eurocidade Chaves-Verín

13-10-2015

O proxecto de cooperación transfronteiriza “Eurocidade Chaves - Verín”  foi galardoado como mellor proxecto da Unión Europea nos premios RegioStars 2015 na categoría CityStars. Unha iniciativa organizada pola Comisión Europea que desde o 2008 vén distinguindo os proxectos mais innovadoras e inspiradores de Europa financiados polos fondos da política de cohesión da UE. 

 

Os alcaldes da Eurocidade, Gerardo Seoane e Antonio Cabeleira, acompañados dos responsables técnicos do proxecto Agostinho Pizarro e Pablo Rivera xunto co Director Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, José María Piñero Campos, recolleron hoxe, na Cerimonia dos Premios Rexio Stars 2015,  en Bruxelas,  o premio de mans da Comisaria Europea para a Política Rexional e Urbana, Corina Crețou. 

 

Este galardón sitúa á Eurocidade Chaves-Verín como a mellor experiencia de cooperación e integración europea das existentes en Europa, os alcaldes durante a cerimonia destacaron o traballo constante realizado en cooperación desde a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín, sen dúbida vital para a obtención deste premio. Por último, dirixíndose ás máis de 1000 persoas congregadas no palacio das artes da capital de Europa aseguraron que “a Eurocidade Chaves-Verín grazas ao apoio financeiro da EU continuará construíndo Europa desde as frontera”.

 

Na avaliación da candidatura da “Eurocidade Chaves-Verín”, proxecto cofinanciado polo POCTEP 2007/2013 en preto de 1,4 millóns de euros, o xurado subliñou o impacto positivo da colaboración entre as dúas localidades, tanto a nivel institucional, como económico, social, cultural e ambiental. Ademais, dos logros conseguidos na implementación de estruturas de cooperación e desenvolvemento conxunto nas áreas de mocidade, eventos culturais, comercio, deporte, lecer, turismo e emprendemento.

A Eurocidade, que competiu con outras cinco iniciativas finalistas de Suecia, Francia, España e unha experiencia de cooperación entre cidades fronteirizas de Suecia e Noruega foi seleccionada por un xurado independente, presidido polo deputado do Parlamento Europeo Lambert van Nistelrooij, xunto con dezasete finalistas máis entre as 143 candidaturas presentadas, obtivo a mellor puntuación sobre a base de catro criterios fundamentais: innovación, impacto, sustentabilidade e colaboración.

web engineered by hostname.pt