logo

A AECT Eurocidade Chaves-Verín planifica a súa captación de fondos comunitarios ata 2020

09-09-2015

Esta mañá, a sede da AECT Eurocidade Chaves Verín acolleu unha reunión cos socios que acompañarán ao organismo transfronteirizo nunha das candidaturas que presentará na próxima convocatoria Interreg. Eixo Atlántico.


O Barco de Valdeorras, Bragança, Sarria ou a Deputación de Ourense formarán parte do partenariado que impulsará o desenvolvemento económico do territorio interior da euro-rexión Galicia-Norte mediante a dinamización dos sectores tradicionais a través da apertura de novos procesos e canles de distribución e comercialización que melloren a competitividade das PYMEs.


Ante a próxima apertura do programa Interreg VAI prevista para este outono, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Eurocidade Chaves Verín planifica as candidaturas que presentará sobre a base de dous eixes prioritarios:


1) Crecemento integrador a través dunha cooperación transfronteiriza a favor da competitividade empresarial.


2) Mellora da capacidade institucional e a eficiencia da administración pública a través da cooperación transfronteiriza.


O obxectivo da AECT Eurocidade Chaves-Verín é desenvolver un ambicioso plan de captación de fondos que permita un forte desenvolvemento do territorio nas áreas de turismo, termalismo, transporte, comercio, industria, mellora e competitividade das Pemes e do emprego. Estas cumpren os obxectivos estratéxicos nos que está a traballar o Gabinete técnico de proxectos europeos co fin de ter elaboradas todas as candidaturas cando se abran os programas Interreg antes de finais de ano.

web engineered by hostname.pt