logo

Un Viñobús percorrerá a Ruta Termal e da Auga nas IV Xornadas de Portas Abertas en Monterrei

13-05-2015
O destino Chaves - Verín ofrece a posibilidade de internarse na cultura do viño a través das actividades organizadas, con motivo das IV Xornadas de Portas Abertas na Ruta do Viño de Monterrei (30 e 31 de maio), por parte da Asociación da Ruta do Viño Monterrei.

A novidade desta edición é a aposta enoturística da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Chaves-Verín, en colaboración coa Oficina de Turismo de Verín coa súa proposta de implementar o servizo de Viñobús na Ruta Termal e da Auga.

O obxectivo principal desta é achegar ao barrio sur da Eurocidade a riqueza vitivinícola da zona de Monterrei. E por iso, todos/as os/as interesados/as terán a posibilidade de participar neste servizo turístico durante a xornada do sábado. De xeito gratuíto poderán realizar un percorrido pola Ruta termal e da Auga que partirá dende Vidago, con parada en Chaves e Verín. Trátase dunha proposta experiencial para coñecer un destino saudable caracterizado polas súas augas mineiro medicinais pero percorrendo as terras vinícolas de Monterrei, é dicir, a maridaxe perfecta entre turismo de benestar e inmersión enolóxica, acompañado dun amplo programa de actividades paralelas.

O Viñobús será a actividade estrela durante ese fin de semana xa que permitirá coñecer o destino de forma integral, con dúas rutas guiadas (unha dende Vidago e outra dende Ourense), visitas ás adegas máis emblemáticas da denominación de Orixe Monterrei -para coñecer a súa historia ademais de degustar viños desta-.

O programa de visitas a adegas compleméntase coa posibilidade de visitar recursos etnográficos, realizar rutas de sendeirismo por lagares rupestres, cicloturismo polo río Támega, rutas a cabalo ou "Son e Viño" -sesión musical no Convento Mercedario acompañado dunha degustación de viños da D.O. Monterrei-.

Estas xornadas enoturísticas compleméntase con ofertas de aloxamento e de restauración nesta bisbarra: estanzas a prezos especiais no Parador de Turismo e O Retiro do Conde, e opción gastronómica en Enxebre e Restaurante Lugano (dous menús a elixir).
web engineered by hostname.pt