logo

A AECT Eurocidade Chaves-Verín traballa na captación de fondos comunitarios para o período 2015-2020

15-04-2015
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín participou, xunto con outras 12 agrupacións de cooperación territorial de toda Europa nun seminario técnico e específico destinado á captación de fondos a través de programas Interreg V.

O seminario 'Interreg e agrupacións europeas de cooperación territorial (EGTC)', organizado pola Comisión Europea, celebrouse onte no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, e no mesmo abordáronse as seguintes cuestións: Interreg como parte da política de cohesión da Unión Europea, presentación de proxectos Interreg realizados entre España e Portugal durante os anos 2007 e 2013, ou exemplos prácticos de agrupacións europeas de cooperación territorial.

O obxectivo da AECT Eurocidade Chaves-Verín é desenvolver un ambicioso plan de captación de fondos que permita un importante desenvolvemento do territorio nas áreas de turismo, termalismo, transporte, comercio, industria e emprego. As mesmas son os eixos prioritarios nos que está a traballar o Gabinete técnico de proxectos europeos, co fin de ter elaboradas todas as candidaturas cando se abran os programa Interreg no último trimestre do ano.

A AECT Eurocidade Chaves-Verín é unha agrupación de municipios transfronteiriza con personalidade xurídica en España e Portugal para o desenvolvemento de programas financiados pola Unión Europea.
web engineered by hostname.pt