logo

O destino Chaves-Verín acolle unha nova edición da Feira do Lázaro e o Certame Gastronómico “Vila de Verín”

12-03-2015
O destino Chaves-Verín acollerá, por oitavo ano consecutivo, a Feira do Lázaro e o Certame Gastronómico “Vila de Verín”, que se celebrará os días 20, 21 e 22 de marzo no Pavillón Municipal de Verín.

O obxectivo principal é amosar os principais recursos turísticos, gastronómicos, culturais e naturais do territorio a todas as persoas que se acerquen ata a mesma, non só procedentes dos municipios de Verín e Chaves, senón tamén doutros puntos da xeografía da Península Ibérica. Ao longo das tres xornadas, esta feira converteráse no espazo comercial referente no sur da provincia de Ourense e norte de Portugal, realizado co fin de dinamizar economicamente toda esta zona, xerada tanto pola oferta de produtos tradicionais e diferenciadores, así como polo gran volume de compradores que aproveitaban eses días para realizar as súas compras.

O posto de Chaves-Verín contará con información turística do destino, dos establecementos de hostalaría e restauración de ambos os dous municipios colaboradores neste evento, así como información e divulgación dos eventos anuais de carácter cultural, deportivo e gastronómico que se celebran en Chaves e Verín. A participación neste evento está enmarcada dentro da estratexia de promoción do destino da AECT Eurocidade Chaves-Verín efectuada para promover e reforzar a imaxe deste territorio con promoción turística en mercados de proximidade, un esforzo que da resposta á demanda do sector para seguir traballando en atraer visitantes de mercados próximos, tanto nacionais coma internacionais, que se encontran, a menos de catro horas de desprazamento.

Por outra banda, e a través da Eurocidade, o certame contará coa participación de produtores do barrio norte e do barrio sur, é dicir, Verín e Chaves permitindo ampliar a dimensión e escala do evento, nun concepto de complementaridade natural e ofertando aos/ás verinenses e flavienses artigos confeccionados en pel ou madeira, licores, aceites, mel, queixos, doces artesanais, produtos de fumeiro, xabóns artesanais, encaixe de bolillos, pintura ou bisutería.

Este evento está organizado polo Concello de Verín e patrocinado por: Eurocidade Chaves-Verín AECT, Plan de Competitividade Turística Puertas de Galicia, Inorde, Deputación Provincial, Xunta de Galicia, Gadis, Cabreiroá, Construcciones Hnos. Carrajo, D.O. Monterrei, Socitransa, Parador de Verín, Vipeca, Aceites Abril, Pirotecnia Xaraiva, La Caixa, Caja Rural de Zamora, Estradas Galegas SL, MRW, Esinor, AEVER-CCU Verín e AEHCOM.
web engineered by hostname.pt