logo

O destino Chaves-Verín presente no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar

06-03-2015
O destino Chaves-Verín participa, desde o pasado mércores e ata este domingo, no 16º Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, co obxecto de ampliar a súa proxección entre o público profesional e visitantes en xeral.

Coñecedores de que Xantar é un espazo de carácter singular vinculado a unha das principais motivacións dos turistas ao visitar Galicia, Chaves-Verín amosan nesta feira os princiapis recursos enogastronómicos,, apostando pola especialización da restauración local en produtos autóctonos e diferenciadores. Cun moderno stand de 36 metros cadrados, a Eurocidade promociona o destino e os seus productos entre potenciais operadores turísticos e público en xeral, a través de accións de marketing directo nun espazo institucional innovador no que predomina a imaxe da auga. O mesmo conta con información turística do destino, dos establecementos de hostalaría e restauración de ambos os dous municipios colaboradores neste evento, así como información e divulgación dos eventos anuais de carácter gastronómico que se celebran en Chaves e Verín.

A participación neste evento está enmarcada dentro da estratexia de promoción do destino da AECT Eurocidade Chaves-Verín efectuada para promover e reforzar a imaxe deste territorio con promoción turística en mercados de proximidade, un esforzo que da resposta á demanda do sector para seguir traballando en atraer visitantes de mercados próximos, tanto nacionais coma internacionais, que se encontran, a menos de catro horas de desprazamento.

Por outro lado, conscientes de que a enogastronomía supón no destino un importante atractivo turístico, Chaves e Verín seguen apostando pola posta en valor dos produtos de calidade, co fin de promoverse activamente ante miles de visitantes cunha oferta complementaria de calidade nun destino termal de excelencia.

Por este motivo ambos os dous municipios traballan conxuntamente nas seguintes cuestións:
- Mellora da comercialización de enoturismo e potenciación das dúas denominacións de orixe vitivinícolas.
- Potenciación de servizos turísticos dos dous municipios a través da integración de servizos municipais deportivos / saudables na oferta lúdica do destino a través da Plataforma Smart destination que se está a desenvolver coa EOI (Escola de Organización Industrial do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo).
- Instauración da cultura da auga, sobre todo en restauración, para incrementar a presenza desta na oferta gastronómica dos establecementos.
- Optimizar a participación en eventos gastronómicos de ambos os dous municipios, como é o caso de Sabores de Chaves ou a Feira do Lázaro e Certame Gastronómico 'Vila de Verín'.

Sector profesional


Ao longo dos cinco días de duración do salón, o sector profesional ten ademais unha cita co Túnel do Viño Galego, onde poderá degustar, entre outros, os viños da Denominación Orixe Monterrei: Sila Mencía e Pazo de Monterrey de Bodegas Pazos del Rey S.L., Alma de Blanco e Alma de Tinto de Adegas Pazo das Tapias S.L., Mara Martín e Terras do Cigarrón de Terras do Cigarrón S.C.G., Quinta do Buble de Quinta do Buble S.L., Stibadia Godello e Treixadura e Stibadia Mencía e Tempranillo de Bodega Tabú,S.L.N.E., e Triay de Triay Adegas de Oímbra S.L

Outras actividades nas que estará presente a Denominacion de Origen Monterrei son a Confraría dos Viños de Monterrei, showcooking de gastronomía sostible, o II Encontro de Bloggers Gastronómicos, seminario dos viños de Monterrei (dirixido ao sector profesional) showcooking de produtos do Mar e do Medio Rural de Galicia (no que os viños de Monterrei degustaranse acompañados das receitas de Emma Pinal con Mexillón de Galicia). Ademais, da firma dun convenio de colaboración con Expourense para promover accións conxuntas, que ao longo do 2015 farán posible unha representación de Monterrei no calendario de actividades que desenvolve a institución feiral.
web engineered by hostname.pt