logo

O programa “Termalismo Saudable 2015” amplíase, por primeira vez, aos/ás cidadáns/nas da Eurocidade Chaves-Verín

11-02-2015
A sede da Eurocidade Chaves-Verín AECT (antigo posto fronteirizo de Feces de Abaixo) acolleu o pasado venres o acto de sinatura dun convenio de cooperación no ámbito de termalismo entre a Eurocidade e a Deputación de Ourense, a cargo do director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial e alcalde de Verín Juan Manuel Jiménez Morán, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco.

A sinatura deste protocolo, na que tamén estivo presente o vereador flaviense Paulo Alves, permitirá que os/as residentes en Chaves accedan a este programa de termalismo social da provincia de Ourense en iguais condicións e cos mesmos beneficios e descontos que o resto de residentes na provincia de Ourense. Unha petición formulada a través da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín, e en concreto da man do director da mesma Juan Manuel Jiménez Morán, que negociou as bases deste convenio de colaboración e cooperación coa área de benestar Social da Deputación de Ourense coa finalidade de ampliar os beneficios sociais asociados ao termalismo a todo o territorio da Eurocidade Chaves-Verín (en particular a Chaves).

O programa de “Termalismo Saudable 2015” trátase dunha iniciativa que promove e desenvolve a Deputación de Ourense e que ten como obxectivo dar a coñecer o termalismo e o potencial que este recurso de ocio e saúde ten na provincia de Ourense. A mesma forma parte do plan 'Ourense, provincia termal' realizado conxuntamente coa Xunta de Galicia, coa finalidade de revalorizar a riqueza termal e impulsar un dos sectores económicos estratéxicos do territorio. “Conscientes de que o turismo termal é un dos baluartes do noso territorio, o Plan Termal de Ourense constitúe para nós unha axuda e folla de ruta para o noso termalismo nos próximos anos”, subliñou Juan Manuel Jiménez.

Unha das novidades do programa deste ano é que poderán adscribirse ao mesmo os residentes no territorio da Eurocidade Chaves-Verín, e deste modo permitirase o acceso ao programa a todos/as os/as cidadáns/nas non só de Verín senón tamén de Chaves, cos mesmos beneficios e descontos que o resto dos residentes na provincia de Ourense. A acreditación da residencia se xustificará a través da Tarxeta do Eurocidadán/a-. Esta identidade é coherente coa asunción do concepto das eurocidades europeas, que Ourense ten a fortuna de ter representada na Eurocidade Chaves-Verín, unha identidade xurídica que facilita o recoñecemento da dimensión transfronteiriza como ferramenta para aproveitar as oportunidades que esta situación de privilexio xeográfico concede aos residentes en ambos lados da fronteira para que poidan beneficiarse das iniciativas, neste caso sociais, desenvolvidas dende a Deputación de Ourense.

Ademais, establécese a posibilidade de incorporar ás Termas de Chaves-Spa do Imperador no programa para dar acceso aos residentes da toda a provincia de Ourense nas condicións que o programa estableza. E por último, establécese a constitución dunha Comisión de Control e Seguimento da implementación do programa no territorio da Eurocidade Chaves-Verín conformada por técnicos dos dous municipios.

Estancias e tratamentos do programa “Termalismo Saudable 2015”

A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou as bases reguladoras do concurso para a concesión de subvencións para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal, tendo como finalidade o fomento do ocio saudable nas instalacións balnearias da provincia.

O programa deste ano contempla estancias balnearias financiadas nos balnearios da provincia de Ourense de 6 días de duración (5 noites) de luns a sábado (en réxime de habitación dobre compartida, que inclúe pensión completa, dez técnicas balnearias, revisión médica dos beneficiarios á súa chegada e programa de animación social). Unha segunda modalidade de estancia inclúe viaxe en tren: neste programa, ademais do acceso á subvención como no anterior, aos/ás beneficiarios/as facilitaráselles a obtención dos billetes de tren (ida e volta) dende algunha das "Estacións Termais" que participan no programa, recollidas no convenio subscrito entre Deputación de Ourense e Renfe e, se é o caso, as súas addendas ata a estación de Ourense. Pola súa banda, os balnearios proporcionan servizos como traslados (ida e volta) dende a estación de Ourense ata os balnearios seleccionados e rutas culturais.
web engineered by hostname.pt