logo

O destino Chaves-Verín acolle unha nova edición da mostra 'Sabores de Chaves'

29-01-2015
Entre os días 30 de xaneiro e 01 de febreiro, o destino Chaves-Verín acolle un ano máis a mostra 'Sabores de Chaves', na que se prevé que sexan comercializadas máis de 20 toneladas de embutidos .
   
Nesta feira o fumeiro volve a ser o protagonista, cunhas vendas na edición anterior de cerca de 23 toneladas, xunto co Pastel de Chaves, con 24.000 unidades vendidas no pasado ano.  Os embutidos, realizados de modo artesanal, únense co famoso xamón, Folar e Pastel de Chaves e restantes produtos panificadores, rexionais e a artesanía, promovendo un volume de negocio estimado en 400.000 euros.

Na pasada edición, máis de 40.000 persoas visitaron o certame, que busca recuperar toda unha tradición asentada na liña de fidelidade do “saber facer” con sabores tradicionais, xenuínos e auténticos con relevante calidade e reputación. Este saber, que perdura nas tradicións das xentes locais, forma hoxe parte do rico patrimonio cultural e gastronómico da Eurocidade, e por este motivo poténciase a súa comercialización e realización de eventos rexionais que, ademais de incentivar a creación de novas unidades produtivas, afírmanse como importantes axentes de desenvolvemento local. Entre estes eventos, ademais de 'Sabores de Chaves', atópanse os realizados para exaltar o Folar (durante a Pascua), Pastel de Chaves (no mes de agosto) e 'Sabores de Outono' (durante a tradicional Feira dos Santos).

Este ano, a mostra contra con 57 expositores, dos que 37 son produtores agroalimentarios, 17 adicados á artesanía e 3 institucionais. Como ten sucedido nas últimas edicións, tamén terá unha especial relevancia a unión dos esforzos e recursos plantexados no proxecto da Eurocidade Chaves-Verín, como instrumento económico e social común. A través da Eurocidade, o certame contará coa participación de produtores de Verín, permitindo ampliar a dimensión e escala do evento, nun concepto de complementaridade natural. Ademais, o recinto feiral contará cun stand da Eurocidade, que informará aos/ás visitantes sobre a oferta turística deste destino transfronteirizo. Paralelamente, no Mercado Municipal, existirán casetas nos que os visitantes poderán experimentar e degustar pratos tradicionais. Do programa do certame, destacan a animación coa Fanfarra da Academia de Artes de Chaves, o día 30, e concerto de Sebastiâo Antunes o sábado 31 de xaneiro.

A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financieira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).
web engineered by hostname.pt