logo

Os/As cidadáns/nas da Eurocidade Chaves-Verín participarán no programa de “Termalismo Saudable 2015”

20-01-2015
Os/As cidadáns/nas da Eurocidade Chaves-Verín poderán participar este ano no programa de "Termalismo saudable" 2015, unha iniciativa que promove e desenvolve a Deputación de Ourense e que ten como obxectivo dar a coñecer o termalismo e o potencial que este recurso de ocio e saúde ten na provincia de Ourense.

Por este motivo, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín congratúlase pola aprobación deste programa que amplía os beneficios e axudas sociais asociados ao termalismo da provincia de Ourense a todo o territorio da Eurocidade, en especial aos/ás veciños/ás de Chaves. Un programa que será ratificado, en breves datas, a través dun convenio entre a Deputación de Ourense e a AECT Eurocidade Chaves-Verín no que se formalizarán os pormenores deste programa de cooperación no ámbito do termalismo.

Ademais, establécese a posibilidade de incorporar ás Termas de Chaves-Spa do Imperador no programa para dar acceso aos residentes da toda a provincia de Ourense nas condicións que o programa estableza. E por último, establécese a constitución dunha Comisión de Control e Seguimento da implementación do programa no territorio da Eurocidade Chaves-Verín.  Esta ampliación a todos/as os/as habitantes da Eurocidade amosa a superación dun novo obstáculo administrativo existente ata o momento neste territorio e que a igualdade entre cidadáns da Unión Europea ademais dun dereito sexa un feito constatado.

A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou as bases reguladoras do concurso para a concesión de subvencións para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal, tendo como finalidade o fomento do ocio saudable nas instalacións balnearias da provincia. Nesta edición, este programa permitirá o acceso ao programa de termalismo social da provincia de Ourense aos/ás residentes de Chaves en iguais condicións e cos mesmos beneficios e descontos que o resto de residentes na provincia de Ourense (a acreditación da residencia se xustificará a través da Tarxeta do Eurocidadán/a). Os establecementos nos que a partires do mes de febreiro poderán os/as verinenses e flavienses realizar as estancias balnearias e tratamentos subvencionados son os balnearios de Baños de Molgas, Carballiño, Arnoia, Laias, Lobios e Cortegada.    

A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financieira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).
web engineered by hostname.pt