logo

A AECT Eurocidade Chaves-Verín e o Concello de Verín participan na constitución do Consello Termal Ourensán

17-12-2014
O Concello de Verín e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín participaron onte na sesión constitutiva do Consello Termal Ourensán celebrado en Laias.

O acto de constitución foi presidido polo presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro. No mesmo reuniron a todo o sector vinculado ao termalismo da provincia, municipios termais, asociacións e empresarios co obxecto de poñer en funcionamento o Plan Termal provincial.

O Consello Termal será o órgano que asumirá a función executiva de velar polo cumprimento do plan e contará coa presenza de institucións, colectivos e empresas vinculadas co termalismo.

O Concello de Verín e a AECT Chaves-Verín congratúlanse pola forte implicación e aposta de todas as institucións pola dinamización do termalismo a través do Plan Termal Ourensano pois este recolle importantes investimentos a realizar no destino Chaves-Verín, algunhas delas xa en marcha como: a construción da Ecovía fluvial do Támega que comunicará Verín con Chaves en verán do 2015 ou a aposta transfronteiriza da Deputación polos programas de termalismo social; así como outras actuacións contempladas no plan son a construción do Hotel Escola Termal de Verín, Entroido Termal, Formación de Hidrosumelliers, Camiño de Santiago Termal, entre outras. 

Ademais púxose sobre a mesa o importante traballo que o Concello de Verín, a través da AECT Eurocidade Chaves-Verín, está a levar a cabo na captación de fondos europeos para o desenvolvemento do turismo e o termalismo no período 2015-2020.
web engineered by hostname.pt