logo

A AECT Chaves-Verín divulga dous concursos de investigación en Chaves para a mocidade destinados á promoción do deporte e xogos tradicionais

17-12-2014
A AECT Eurocidade Chaves-Verín divulga dous concursos de investigación destinados aos/ás mozos/as, de idades comprendidas entre os 16 e 25 anos, co obxecto de promocionar e salvagardar os deportes e xogos tradicionais.

O Município de Chaves, único representante de Portugal no proxecto “European Medieval Sports & Street Games Network” (GaMES.Net), promoveu estes dous concursos, un de ámbito europeo e outro local, xa que estudar os principios e valores dos deportes e xogos tradicionais coa participación da mocidade é fundamental para aumentar a conciencia da identidade cultural e tradicional de cada rexión, país ou territorio, permitindo así a recuperación das súas manifestacións etnográficas.

No ámbito do “Concurso Europeu GA.M.E.S@E.U.”, os/as mozos/as deberán presentar un traballo de investigación, segundo os obxectivos, metas e temas do concurso, conforme o descrito no regulamento do mesmo, dispoñible na web do proxecto, en www.gamesnetproject.eu.  O concurso está dividido en dúas categorías (grupos de mozos/as entre os 16 e 19 anos e entre os 20 e 25 anos), podendo participar en grupos de 2 (mínimo) a 4 (máximo) elementos, debendo ser residentes nun dos países participante no proxecto.  Para participar, é necesario cubrir un formulario de inscrición, dispoñible na web do proxecto ata o día 31 de decembro. Posteriormente, os traballos deberán ser subidos, en inglés, portugués ou español, no mesmo sitio web, ata o 31 de marzo de 2015.

“O papel dos xogos e deportes tradicionais para salvagardar o patrimonio cultural europeo e construción dun futuro mellor para Europa” é o tema transversal do concurso, que ten coma fin “concienciar e incentivar á mocidade a aprender deportes e xogos tradicionais, enmarcándoos na busca de orixes e valores comúns”. Para cada unha das dúas categorías, o grupo vencedor recibirá un premio monetario de 1.000 euros, valor que será dividido en partes iguais entre todos os integrantes do grupo. A clasificación final do concurso será publicada na web oficial ata o día 30 de abril de 2015. Durante o último día do evento principal "European Ga.M.E.S. Days", que terá lugar en Narni (Italia), os días 23 e 24 de maio de 2015, o Comité de Avaliación anunciará os resultados do concurso nunha cerimonia de entrega de premios. Os grupos vencedores serán invitados a participar na ceremonia a través dunha videoconferencia vía streaming.

“Concurso Local GA.M.E.S@E.U.”
Paralelamente ao Concurso Europeu, a Câmara Municipal de Chaves, en colaboración coa AECT Eurocidade Chaves-Verín e a rede escolar dos dous municipios, realizará o “Concurso Local GA.M.E.S@E.U.”  O mesmo réxese polas normas establecidas o reglamento do concurso europeo, coa excepción dos seguintes puntos: os grupos competidores no concurso local tamén deberán participar no concurso europeo, a inscrición para o concurso local debe realizarse en www.chaves.pt ata o día 31 de decembro de 2014, os grupos competidores no concurso local deben subir o traballo de investigación, en portugués ou español, en www.chaves.pt, ata o 31 de marzo de 2015, o premio será de 400 euros para cada categoría; durante as fases de avaliación darase prioridade a grupos “transfronteirizos”, constituídos por mozos/as residentes en Chaves e Verín, e a ceremonia de entrega dos premios terá lugar nun evento final local de demostración de xogos populares no mes de maio.

No ámbito do proxecto “GaMES.Net” preténdese promover e salvagardar os deportes e xogos tradicionais en Europa e os seus valores comúns, que forman parte do Patrimonio Material Intanxible e que son importante símbolo da identidade cultural das sociedades europeas.  O proxecto “European Medieval Sports & Street Games Network” (GaMES.Net), coordinado pola Federación Italiana de Xogos e Deportes Tradicionais, está constituído por 14 socios de 8 países diferentes, Alemaña, Bulgaria, España, Francia, Italia, Malta, Portugal e República Checa, contando co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

web engineered by hostname.pt