logo

O primeiro convenio de cooperación transfronteiriza xuvenil da Unión Europea asínase na AECT Eurocidade Chaves-Verín

03-12-2014
O director da AECT Eurocidade Chaves-Verín e alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, o membro da Asamblea Eurocidade e vice-presidente da Câmara Municipal de Chaves, Carlos Augusto Castanheira Penas, presidiron onte a sinatura do primeiro convenio de cooperación transfronteiriza xuvenil na Unión Europea realizado entre dúas asociacións de Chaves e Verín: Asociación Xuvenil “A Voz da Juventude” e “Asociación Xuvenil Entroideiros”.

Este acto, no que tamén participaron Rogelio Martínez,  delegado territorial da Xunta en Ourense, e Manuel Dias Barros, director regional do Instituto Português de Desporto e Juventude, destinado non só a estreitar a xa existente colaboración institucional e cohesión sociocultural da mocidade entre o “Barrio Norte” e “Barrio Sur” da Eurocidade, senón tamén co fin de asentar as liñas a seguir para traballar na resolución de problemáticas comúns que afecta á sociedade xuvenil. “A sinatura dun convenio ente dúas entidades de dous países é sempre unha boa noticia para a cooperación territorial europea, pero neste caso síntome dobremente orgulloso de que sexa o primeiro convenio que se asina na Península Ibérica de dúas asociacións xuvenís que, despois de anos de traballo e compartir actividades en conxunto, oficializan esta unión que vixente desde os inicios da Eurocidade”, subliñou Juan Manuel Jiménez Morán. Tamén recordou que hoxe “é un día de conclusións e avalizacións do traballo feito durante os últimos tres anos que durou o proxecto Eurocidade II no que se realizou unha aposta importante por estreitar os lazos entre a mocidade verinense e flaviense a través da posta en funcionamento da Oficina Transfronteriza da Xuventude (OTIX) e o Local de Ensaios, ideados para favorecer a mobilidade e a colaboración da xuventude dun lado e outro da raia, contribuindo a creatividade, a integración e a cohesión socio-cultural do territorio”.

Unha reflexión reiterada tamén por Rogelio Martínez que lembrou que “a Eurocidade non foi ningún experimento, senón un instrumento útil para mellorar a calidade de vida dos seus eurocidadáns”, e así apuntou que “as fronteiras que antes dividían e separaban, hoxe as convertemos nunha ferramenta de crecemento”. O delegado territorial defendeu que para este proxecto teña continuidade “temos que traballar coa xuventude xa que é a mellora garantia de que os seus obxectivos poidan seguir vixentes neste futuro neste território” e recordou que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado colaborou co proxecto transfronteirizo Eurocidade Chaves-Verín II, que se desenvolveu no período 2011-2014, cunha achega de 156.000 euros, con actuacións que colaboraron a potenciar a eurocidadanía, organizar conxuntamente eventos culturais e deportivos e dinamizar economicamente a zona (apoio a 15 eventos destinados aos máis novos da Eurocidade, 217 mozos/as beneficiáronse de accións de intercambios xuvenís, 306 participaron en accións de formación conxuntas e 2.622 mozos/as desfrutaron da Oficina Transfronteriza da Xuventude e o Local de Ensaios).

A sinatura deste pioneiro convenio transfronteirizo de mocidade está enmarcada dentro das Xornadas 'Espazo xuvenil transfronteirizo: balance e conclusións', nas que se analizaron as accións e actividades organizadas polo Posto Transfronteirizo de Información Xuvenil da Eurocidade, no ámbito do proxecto de cooperación transfronteirizo Eurocidade Chaves-Verín II. O Posto Transfronteirizo de Información Xuvenil, situado na sede da Eurocidade, serve de plataforma para favorecer e apoiar a mobilidade, interacción e colaboración entre a mocidade portuguesa e galega, presentándose como un punto claro referente informativo, asesor en temas de emprego, cultura, ocupación de tempos libres, bolsas de estudo e proxectos europeos. Por outra banda, a exposición de casos prácticos e experiencias vividas nas diversas accións que se realizaron neste espazo xuvenil e as oportunidades de mobilidade xuvenil e apoio ao emprendemento xuvenil existentes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e en Europa, constitúen algúns dos temas a expoñer ao longo destas xornadas.

A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financieira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).
web engineered by hostname.pt