logo

O modelo da AECT Chaves-Verín, un exemplo para a cooperación sanitaria na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

20-11-2014
A sede da AECT Eurocidade Chaves-Verín acolleu a realización do Workshop “Asistencia Sanitaria no Contexto Transfronteirizo: Custos e Oportunidades”, destinado a  sentar as liñas estratéxicas conxuntas en materia de asistencia sanitaria transfronteiriza, a través da realización dunha xornada de traballo en dous niveles (político e técnico) aos actores principais da UE, Galicia e Norte de Portugal, para debater sobre os diferentes aspectos que afectan a cooperación sanitaria transfronteiriza.

A xornada, inaugurada polo alcalde de Verín Juan Manuel Jiménez, contou coa participación de Jesús Gamallo (director xeral de Relacións Exteriores e coa UE), Nuno Almeida (coordinador da Comunidade de Traballo Galicia/Norte de Portugal), Antonio Fernández Campa (xerente do Servizo Galego de Saúde), Ponciano Oliveira (vogal do consello de dirección da Administraçâo Regional de Saúde do Norte, ARS-N), Maria Inês Pereira Dias (directora da Escola Superior de Enfermagem Dr. José Timóteo Montalvâo) Manel Más (director médico do Hospital da Cerdanya), Eloína Núñez (xerente de xestión integrada dos Hospitais de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras), Fernando Miguel Pereira (vogal executivo do Consello de Administración do Centro Hospitalar de Trás-os-Montes e Alto Douro) ou Luís Filipe do Nascimento Teixeira (director executivo do Agrupamento de Centros de Saúde do Alto Tâmega e Barroso), entre outros.

A xornada articulouse en torno a tres paneis, no que se abordaron os seguintes aspectos:
Panel 1 - Os impactos da aplicación da Directiva Europea sobre a asistencia sanitaria transfronteiriza. Análise dos custos de contexto sanitario no territorio transfronteirizo dende os puntos de vista institucional, médico e poboacional, tomando como punto de referencia o marco establecido pola Directiva 2011/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello do 9 de marzo de 2011, relativa á aplicación dos dereitos dos pacientes na asistencia sanitario transfronteirizo, así como os decretos que traspoñan a devandita directiva en ambos os dous países (Real Decreto 81/2014, do 7 de febreiro, que traspón esta directiva e onde se establecen as normas que garantan a asistencia sanitario transfronteirizo e o correlativo na República Portuguesa).
- Calidade asistencial e continuidade asistencial tras a asistencia.
- Xestión da demanda.
- Información ao paciente.
- Modelo de financiamento (custo da asistencia, sistema de reembolso, transferencia de custos).
- Equidade no acceso á asistencia transfronteiriza.

Panel 2 - A mobilidade transfronteiriza do persoal sanitario. Análise da organización da oferta sanitaria, recursos humanos e materiais, coñecementos, prácticas e emerxencias médicas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
- Recoñecemento de competencias.
- Modelo de remuneración.
- Diferencias lingüísticas e culturais.
- Loxística (transporte, aloxamento, etc.).
- A problemática de "fuga de cerebros".

Panel 3 - Case-studies de asistencia sanitaria transfronteiriza. Análise dos "case studies" de modelos de asistencia sanitaria en rexións transfronteirizas europeas, España-Francia en concreto, Agrupación Europea de Cooperación Territorial Hospital da Cerdanya -, tomando como punto de referencia os acordos marco asinados entre países.
- Principais retos da asistencia sanitaria transfronteiriza.
- Principais leccións aprendidas.
- Resultados obtidos.
- Custos, directos e indirectos, asociados a este tipo de iniciativas.
    “O principal obxectivo deste Grupo de Traballo é coñecer e analizar os custos de contexto transfronteirizo en materia sanitaria para deste modo e, ao abeiro do acordo marco entre o Reino de España e a República Portuguesa sobre cooperación sanitaria transfronteiriza e do convenio de colaboración transfronteiriza entre a Administraçâo Regional de Saúde do Norte e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia asinado en Vigo o pasado 9 de xuño, poida avanzarse na futura firma de convenios ou protocolos de cooperación que permitan compartir os servizos de saúde de ambos os dous lados co fin de prestar un mellor servizo aos cidadáns”, indicou o alcalde verinense, que tamén recordou que “a AECT Chaves-Verín leva traballando meses no Deseño e elaboración dun plan de actuación da asistencia sanitaria en Chaves-Verín e a redacción dunha proposta de convenio de cooperación sanitaria entre ambos os dous hospitais co obxectivo de facilitar e ofrecer ás administracións sanitarias competentes un traballo que lle fose útil para poñer en marcha a tan ansiada cooperación sanitaria entre os dous municipios”.

Unha cuestión subliñada tamén polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE que indicou que “queremos chegar a un plan concreto das capacidades en materia sanitaria entre Verín e Chaves, que beneficie aos cidadáns das dúas zonas, xa que é unha obriga que os cidadáns nos puxeron nas nosas mans e á que non debemos nin podemos renunciar”. Tamén engadiu que “se están a dar pasos adiante moi sólidos, xa asinamos o Protocolo conxunto entre a Xunta de Galicia e a Administraçâo Regional de Saúde do Norte, hoxe damos outro paso analizando posibilidades e capacidades, escoitando o que nos teñen que contar exemplos de éxito como o Hospital da Cerdanya e os expertos, e en nós está facer o convenio que facilite a mellora da atención sanitaria de calidade dos cidadáns que viven nesta Eurocidade”.
A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financieira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).
web engineered by hostname.pt