logo

A Eurocidade Chaves - Verín presenta o seu 'Manual de Boas Prácticas para o Pequeno Comercio'

28-06-2011
A Câmara Municipal de Chaves acolleu o pasado 27 de junio a presentación 'Manual de Boas Prácticas para o Pequeno Comercio da Eurocidade Chaves-Verín', creado co fin de dar resposta á busca e necesidades competitivas dos mercados actuais e transmitir os principios de boas prácticas na xestión comercial do pequenos comerciantes desta zona.

Este manual describe e explica os requisitos necesarios que debe reunir un pequeno establecemento comercial para prestar un servizo de calidade e conseguir a excelencia. O obxectivo é facilitar o cambio e adaptación do comercio ás novas necesidades dos consumidores e permitir mellorar o seu posicionamento e competitividade no mercado. “Esta iniciativa busca dar a coñecer un conxunto de regras común ao comercio neste territorio único para que sexan compartidas polos comerciantes, independentemente onde exerzan a súa práctica”, subliñou o presidente flaviense, João Gonçalves Martins Batista, “e permitirá compartir preocupacións, suxestións e solucións de modo que os cidadáns teñan máis calidade nos seus servizos”.

O contido do 'Manual de Boas Prácticas para o Pequeno Comercio da Eurocidade  Chaves-Verín' está articulado en torno aos seguintes puntos: competencias en materia de comercio, lexislación, principios básicos do comercio, normas de calidade, boas prácticas, estratexias competitivas para o pequeno comercio, xestión do medio ambiente, prevención de riscos laborais no comercio, sistema integrado de xestión no comercio, boas prácticas de xestión no comercio e trámites para a posta en marcha dun comercio. “Harmoniza as regras no espazo da Eurocidade e propicia a visibilidade cara o exterior de un territorio común con actuacións e unha oferta determinada nese ámbito”, indicou o presidente flaviense.

Este manual será repartido entre os comercios asociados de AEVER (Asociación de Empresarios de Verín) e ACISAT (Associação Empresarial do Alto Tâmega); así como en ProCentro (Associação para a Promoção do Centro Urbano de Chaves) e a Antena Local de Verín da Cámara de Comercio de Ourense.

Este proxecto forma parte da iniciativa Fronteira Comercial Aberta na Eurocidade, na que tamén está incluído o Directorio Comercial en funcionamento desde decembro do ano 2010. Esta ferramenta está constituída por unha base de datos con información completa en diferentes idiomas, das empresas de comercio e servizos existentes na zona, o que permitirá o seu acceso polo tipo de servizo na páxina web da Eurocidade. “Estes dous produtos teñen como obxectivo lograr a fidelización de clientes, incentivando o atractivo das zonas comerciais da Eurocidade, así como a creación de espazos para ir de compras e de lecer”, subliñou o rexedor verinense, Juan Manuel Jiménez Morán.

As actuacións, organizadas polos dous municipios en colaboración con AEVER, ACISAT, ProCentro e a Antena Local de Verín da Cámara de Comercio de Ourense, están encamiñadas a prestar unha especial atención ao pequeno comercio nos respectivos centros históricos, avanzando progresivamente na creación de centros urbanos abertos en Chaves e Verín.

A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).

web engineered by hostname.pt