logo

Así naceu a idea

Superada a fase do predominio das infraestruturas, a cooperación territorial transfronteiriza dentro da Unión Europea evolucionou cara a un novo concepto que prima a preponderancia do vivir cotián duns cidadáns artificialmente separados. A cooperación de proximidade, a través das Eurocidades, esténdese hoxe en todas as fronteiras como un laboratorio de construción de cidadanía, de vivir compartido entre iguais. E Chaves e Verín son dous territorios con sólidos vínculos de intercambio e cooperación entre as súas xentes. A idea de crear estruturas institucionais que permitan fortalecer as relacións entre ambas as dúas ten un longo recorrido, acariciado polas dúas alcaldías dende fai xa algún tempo. Non obstante, foi a oportunidade aberta pola nova programación comunitaria 2007-2013 e o seu interese na cooperación territorial, que veu a darlle o impulso definitivo a un obxectivo que apostaba polo crecemento e o emprego.

Chaves e Verín reúnen dúas características moi importantes para converterse nunha das primeiras experiencias europeas deste tipo. En primeiro lugar, a vontade política das administracións (locais, provinciais, autonómicas e nacionais) para levar adiante a iniciativa. En segundo lugar, a súa condición de porta de acceso do Eixe interior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: un Eixo interior necesitado de medidas de apoio polo seu carácter de territorio de baixa densidade e para permitir a súa converxencia co Eixo litoral. 

O actual proceso de consolidación da Eurocidade Chaves-Verín ten as súas orixes no movemento de cooperación institucional e territorial iniciado en 1991 coa constitución legal da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal (CTG-NP) e do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, en 1992, que delimita os contornos institucionais e operativos da denominada Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

En xullo de 2007, coa entrada do municipio de Verín no Eixo Atlántico, arrinca este ambicioso proxecto, que foi impulsado desde os seus inicios polo Eixo Atlántico, Goberno de Portugal,  Xunta de Galicia e  Deputación de Ourense. Así, en setembro de 2007 organízase un Grupo de Traballo Institucional, onde están representadas todas as institucións mencionadas e os concellos de Chaves e Verín, responsables do impulso político e do acompañamento da iniciativa.

O 18 de decembro de 2007, tivo lugar, en Chaves, a cerimonia oficial de presentación da “Eurocidade Chaves-Verín”, e do seu Plan de visibilidade. Finalmente, en xaneiro de 2008, a consecuencia dun mandato do citado Grupo de Traballo Institucional, comezaron os traballos para a realización dunha Axenda Estratéxica da Eurocidade para definir o perfil da Eurocidade Chaves-Verín. Para iso, adoptamos unha metodoloxía de traballo baseada nun enfoque “de abaixo cara arriba”, tendo en conta a opinión dos axentes sociais e económicos, así como dos cidadáns e os responsables políticos e sociais. Deste xeito, buscamos establecer unhas liñas directrices de desenvolvemento que satisfagan as expectativas de todos os eurocidadanos.

Constitución da AECT

No contexto da cooperación de proximidade, as AECT xurdiron como un instrumento xurídico europeo innovador que permite ás autoridades locais dos diferentes Estados membros a súa constitución como agrupacións de cooperación con personalidade xurídica. Este instrumento xurídico representa unha nova etapa na eliminación de obstáculos existentes na xestión conxunta de proxectos e programas, así como na xestión de instalacións, infraestruturas e servizos dirixidos á poboación dos territorios transfronteirizos, o que resulta nun impacto transfronteirizo significativo e un valor engadido na xa consolidada cooperación territorial entre determinados municipios dos dous lados da fronteira.

En 2010, os dous municipios inician os traballos para a constitución da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín, a partir deste momento Eurocidade Chaves-Verín, AECT, culminando na súa inscrición rexistral no Rexistro de Agrupacións de Cooperación Territorial do Ministerio de Asuntos Exteriores de España e finalmente no Rexistro Europeo de AECT do Comité de Rexións. 
Presidentes dos municipios

Histórico de su constitución

11 de maio de 2010
Inicio dos traballos de preparación da proposta de Convenio e proxecto dos Estatutos da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín

15 de xuño de 2010
Aprobación no Pleno de Verín da participación do Concello de Verín na Eurocidade Chaves-Verín, AECT

30 de xullo de 2010
Aprobación na Asemblea Municipal de Chaves

20 de xullo de 2010
Envío da candidatura de Verín ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas

12 de agosto de 2010
Envío da candidatura de Chaves ao Instituto Financeiro para o Desenvolvimento Regional (IFDR)

6 de marzo de 2013
Publicación no Diario da República, 2ª Serie, n.º 46, do Despacho 3554/2013 do Secretario de Estado Adxunto da Economía e Desenvolvemento Rexional que autoriza a participación de Chaves na Eurocidade Chaves-Verín, AECT 
http://dre.pt/pdf2sdip/2013/03/046000000/0831708319.pdf 

13 de marzo de 2013

Autorización por parte do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas da participación de Verín na Eurocidade Chaves-Verín, AECT

9 de xullo de 2013
Acto de Firma do convenio da Eurocidade Chaves-Verín, AECT polo presidente do Municipio de Chaves e polo alcalde do Concello de Verín

17 de xullo de 2013
Inscrición no Rexistro das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación

26 de xullo de 2013
Publicación no Boletín Oficial do Estado, n.º 178, dos Estatutos e Convenio de la Eurocidade Chaves-Verín, AECT
http://www.boe.es/boe/dias/2013/07/26/pdfs/BOE-A-2013-8151.pdf 

2 de xullo de 2013
Publicación dun aviso da creación da Eurocidade Chaves-Verín, AECT no Diario Oficial da Unión Europea (2013/S 149-260012)
http://ted.europa.eu/udl?uri=TED:NOTICE:260012-2013:TEXT:ES:HTML 

10 de febreiro de 2014
Inscrición como 46ª Agrupación Europea de Cooperación Territorial no Rexistro Europeo do Comité das Rexións
http://portal.cor.europa.eu/egtc/en-US/CoRActivities/Pages/welcome.aspx

web engineered by hostname.pt