logo

Sabores de Chaves

Entre os días 31 de xaneiro e 02 de febreiro, a Eurocidade Chaves-Verín acolle un ano máis a mostra 'Sabores de Chaves'. Nesta feira o fumeiro é o rei -no ano pasado vendéronse cerca de 20 toneladas- e o Pastel de Chaves o príncipe -con 17.000 unidades vendidas na última edición-. Ao unir os embutidos, realizados de modo artesanal, e o famoso pastel de tenreira picada recuberta de follado, xúntanse todos os restantes produtos panificadores, hortícolas (col e pataca) e a artesanía, promovendo un volume de negocio estimado en 250.000 euros.

Na pasada edición, máis de 30.000 persoas visitaron o certame, que busca recuperar toda unha tradición asentada na liña de fidelidade do “saber facer” con sabores tradicionais, xenuínos e auténticos con relevante calidade e reputación. Este saber, que perdura nas tradicións das xentes locais, forma hoxe parte do rico patrimonio cultural e gastronómico da Eurocidade. Antes medio de subsistencia esencial para moitas familias do rural, hoxe estes produtos ocupan un lugar destacado na mesa, por este motivo poténciase a súa comercialización e realización de eventos rexionais que, ademais de incentivar a creación de novas unidades produtivas, afírmanse como importantes axentes de desenvolvemento local.

Este ano, a mostra contra con 54 expositores, dos que 37 son produtores agroalimentarios, 17 adicados á artesanía e 3 institucionais, nun total de 72 stands ocupados. Como ten sucedido nas últimas edicións, tamén terá unha especial relevancia a unión dos esforzos e recursos plantexados no proxecto da Eurocidade Chaves-Verín, como instrumento económico e social común. A través da Eurocidade, o certame contará coa participación de produtores de Verín, permitindo ampliar a dimensión e escala do evento, nun concepto de complementaridade natural. Ademais, o recinto feiral contará cun stand da Eurocidade, que informará aos visitantes sobre as actividades realizadas neste proxecto de cooperación transfronteiriza, divulgará e promoverá os produtos de excelencia dos municipios de Chaves e Verín, e tamén no mesmo espazo estarán presentes as Termas de Chaves – Spa do Imperador, que ofertarán información sobre os proxectos que se están a desenvolver no sector termal, tanto en Chaves como en Vidago.

Paralelamente, no Mercado Municipal, existirán casetas nos que os visitantes poderán experimentar e degustar pratos tradicionais. Do programa do certame, destacan dous concertos de música tradicional/folk que terán lugar no recinto da feira, nas noites do venres e sábado a partir das 22.15 horas (horario español). O venres subirá ao palco o grupo “Enraizarte”, un proxecto da Academia de Artes de Chaves con música tradicional da rexión. E durante o sábado, o espectáculo correrá a cargo dos Galandum Galundaina, un grupo de Miranda do Douro dos máis internacionais do folk portugués.

O popular programa televisivo da SIC “Portugal em Festa” estará o último día da mostra 'Sabores de Chaves', 02 de febreiro (domingo) cunha emisión en directo de seis horas consecutivas. A mesma emitirase entre as 14 e as 20 horas. A Eurocidade Chaves-Verín convida a poboación a unirse á festa.
web engineered by hostname.pt