logo

Aquae Flaviae – Festa dos Pobos - Mercado Romano

13-08-2013

De 23 a 25 de agosto, a Eurocidade Chaves-Verín revivirá o pasado de Aquae Flaviae ao viaxar no tempo e regresar ao Imperio de Tito Flávio Vespasiano.

    As Alamedas de Trajano e do Tabolado en Chaves e os espazos circundantes serán o escenario escollido para ese fin de semana, adicado aos antigos pobos habitantes da rexión e do Imperio Romanao. Esta viaxe no tempo recreará un mercado romano, lugar de gastronomía, saberes ancestrais, simulacións bélicas, recreacións mitolóxicas, interpretacións musicais, bailes, circo e dous cortexos polas rúas de Aquae Flaviae. Ao longo do evento romano terán lugar as máis variadas actividades socioculturais, unidas ao bulicio da multitude de lexionarios, gladiadores, senadores, músicos, bailaríns, mendigos, escravos, falcoeiros, personaxes mitolóxicos e divindades, que retratarán a vida romana. Estas recreacións históricas apelarán á memoria colectiva dun pobo, tentando avivar feitos históricos que, polo tempo ou incuria do home, foron caíndo no esquecemento. Trátase de accións socioculturais que se asumen como verdadeiras actividades pedagóxicas.

    Esta primeira edición de “Aquae Flaviae – Festa dos Pobos - Mercado Romano” conta coa colaboración da Eurocidade Chaves-Verín, co obxecto de revalorizar a matriz local, cultural e social, a través da preservación de valores e da constante afirmación da identidade da memoria colectiva común.  Ademais dos máis de 60 expositores, esencialmente artesáns locais, nacionais e estranxeiros, o certame contará tamén com varias asociacións culturais, recreativas e deportivas locais.

    O evento terá o seguinte horario:

  • venres 23 de agosto (das 20 ás 01.00 horas -horario español-),
  • sábado día 24 (das 16 ás 01.00 horas -horario español-)
  • domingo, día 25 (das 16 ás 23 horas -horario español-).

A entrada é libre. Algunhas das actividades previstas para a Festa dos Pobos son: cortexo romano con varios pobos do Imperio (desfile de apertura), Mercado Romano, Campamento de Lexionarios, Campamento de Gladiadores, Campamento dos Pobos Galaicos (conformado por dez pobos prerrománicos galaicos: Aquiflavienses, Aobrigenses, Bíbalos, Celerinos, Equisílicos, Interâmnicos, Límicos, Ebisocenses, Quarquernos e Tamaganos, Circus Maximus, Thermae, Guardas de honra, Cetraría, Workshop 'Cociña na Roma Antiga' na Buvette, Bodas de Venus con Baco, Revolta dos Pobos Galaicos e loita cos lexionarios, espectáculo de malabarismo de lume sobre a 'Lenda das Dúas Chaves', recepción ao emperador Tito Flávio Vespasiano por parte dos lexionarios da VII Gemina Felix, interpretacións musicais e bailes do tempo de Aquae Flaviae, Casamento de Décio Flávio (procurador de Aquae Flaviae e Comandante da Legião VII Gemina Félix, con Lúcia, filla do Cónsul Cornélio Máximo, a quen as augas termais de Aquae Flaviae curaron segundo a 'Lenda das Dúas Chaves', Munera Gladiatora, sacrificio aos deuses, espectáculo de clausura cos grupos participantes, malabares de lume e pirotecnia.

Máis información:

http://www.chaves.pt/Default.aspx?ID=33&Action=1&NewsId=2202&PID=79

Fotos

web engineered by hostname.pt