logo

‘Sabores e Saberes’ 2011

07-02-2011
A Eurocidade Chaves-Verín participa, por cuarto ano consecutivo, na mostra ‘Sabores e Saberes’, que se terá lugar os días 4, 5 e 6 de febreiro no Pavillón Municipal de Chaves.

O obxectivo principal nesta participación da Eurocidade, que contará cunha caseta atendida por técnicos do Gabinete de Apoio Técnico, é non só informar aos visitantes sobre as actuacións pasadas e futuras desenvolvidas neste proxecto de cooperación transfronteiriza senón tamén divulgar e promover as tradicións artesanais e gastronómicas da comarca de Verín-Monterrei, coa colaboración de varias artesáns da zona verinense, que exporán os seus produtos ao longo destas tres xornadas.

Ademais, na caseta da Eurocidade estará presente a Asociación O Cigarrón de Verín que informará sobre a figura do ‘cigarrón, a personaxe máis emblemática do Entroido de Verín, amosará como se realiza a súa careta e traxe, así como o programa e actuacións previstas para o Entroido 2011.

Por outra banda, na xornadas do sábado e domingo, un grupo de cigarróns desfilarán polo recinto feiral, mentres que o sábado, ás 19.40 horas, terá lugar unha actuación da Banda de Gaitas do Concello de Verín, e o domingo, ás 19.30 horas, será a quenda do Coral de Verín, organizado pola Asociación Verinense de Amigos da Música.

‘Sabores e Saberes’ trátase dunha mostra destinada a exposición e venda de produtos locais, que tamén conta cun festival gastronómico no que se ofrecen pratos típicos da zona de Chaves e con animación cultural, por parte de grupos tradicionais. Unha iniciativa que devolve ás tradicións gastronómicas e artesanais o seu lugar na comunidade, converténdose nun medio promocional turístico global da rexión e nun motor do desenvolvemento económico local constituíndose como un importante instrumento de requalificación territorial. A mesma, na que participarán 82 expositores -32 do sector agroalimentario, 42 de artesanía e 8 institucionais- actúa como catalizadora de novos e emerxentes mercados, esenciais para o desenvolvemento industrial, turístico e comercial, que funciona como unha vitrina dos produtos de calidade, locais e rexionais, e promove a transferencia de tecnoloxías e o investimento na industria e infraestrutura con consecuentes impactos positivos na economía local e nacional.

web engineered by hostname.pt