Obxectivos

As razóns da Eurocidade

O proxecto de creación e implementación da Eurocidade nace da necesidade, sentida polos representantes municipais de ambos os concellos, de atopar formas de xestión e revalorización do territorio, capaces de fixar e atraer poboación, creación e consolidación de dinámicas de emprego, e ademais garantir a fixación (duradeira) de investimentos produtivos.


Entendeuse que a mellor forma de alcanzar esta meta sería a través da cooperación estratéxica, fundamentada en complementariedades, recursos endóxenos e nunha historia de convivencia secular, seguindo as orientacións da Unión Europea e aproveitando os instrumentos que esta institución pon a disposición da cooperación sustentada.


Neste contexto chegouse á conclusión de que a implementación do concepto Eurocidade Chaves- Verín basearíase nos seguintes factores:

  1. Proximidade, afinidade e relacións históricas: os dous municipios son naturalmente complementarios (comparten río, fauna e flora, entre outros) e xuntos amplían a súa dimensión e escala de actuación (transfórmanse nun territorio máis extenso e competitivo).

  1. Oportunidades de crecemento e desenvolvemento económico: un territorio máis amplo, con máis poboación e unha situación estratéxica favorable fronte aos fluxos de mercancías que percorren a eurorrexión Norte de Portugal/ Galicia, con bos accesos viarios ás máis importantes cidades da Península Ibérica, convértese tamén nun territorio con maior atractivo para os investimentos privados:

  • Presenta un maior abanico de oportunidades ao estar dous países involucrados;
  • A rendibilidade dos investimentos poténciase polas variables demográficas asociadas á unión dos territorios dos dous concellos.
  1. Evitar a duplicidade de equipamentos e a consecuente duplicidade de custos: a complementariedade territorial e demográfica non só é, en se mesma, xustificadora da instalación de determinados equipamentos (sociais, deportivos, etc.), cuxa rendibilidade só é posible a elevados niveis de utilización, senón que, ademais, promove unha xestión equilibrada dos fondos públicos, a través do aproveitamento de economías de escala, na utilización compartida de recursos xa existentes ou na construción conxunta de equipamentos necesarios.

  1. Integración Europea: aplicación práctica do principio de integración da Unión Europea. Os proxectos de cooperación territorial teñen un gran protagonismo no período 2007-2013, por corresponder a liñas de acción prioritarias para a UE. Xa que logo, o proxecto Eurocidade convértese na demostración de que a eurocidadanía activa é posible en base ás expectativas das propias poboacións.


Meta

Proporcionar unha mellor calidade de vida á poboación dos municipios de Chaves e de Verín a través da promoción do desenvolvemento sostible.

Obxectivos específicos

  • Fortalecer a cohesión social;

  • Promover a valorización dos recursos humanos nos distintos niveis de formación e aprendizaxe;

  • Pór en valor o patrimonio natural (con especial relevancia para o corredor fluvial do Támega) e o patrimonio cultural;

  • Consolidar e desenvolver o tecido empresarial local;

  • Potenciar o sector do turismo cun enfoque cara ao termalismo, recurso principal do turismo de saúde e benestar;

  • Integrar e promover o sector loxístico;

  • Revitalizar as actividades deportivas a través da creación de infraestruturas comúns e prácticas diversificadas;

  • Dinamizar a cultura a través do aproveitamento das infraestruturas e equipamentos (existentes e previstos);

  • Desenvolver o mundo rural a través da promoción dos seus produtos específicos en relación con novas actividades.


web engineered by blip.pt