O proxecto de creación e implementación da Eurocidade Chaves-Verín nace da necesidade, sentida polos representantes municipais de ambos os concellos, de atopar formas de xestión e revalorización do territorio, capaces de fixar e atraer poboación, creación e consolidación de dinámicas de emprego, e ademais garantir un desenvolvemento continuado e sostible.
O actual proceso de consolidación da Eurocidade Chaves-Verín ten as súas orixes no movemento de cooperación institucional e territorial iniciado en 1991 coa constitución legal da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal (CTG-NP) e, en 1992, do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, en 1992, que delimita os contornos institucionais e operativos da denominada Euro-rexión Galicia-Norte de Portugal.
En xullo de 2007, coa entrada do municipio de Verín no Eixo Atlántico, arrinca este ambicioso proxecto, que foi impulsado desde os seus inicios polo Eixo Atlántico, o Goberno de Portugal, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Así, en setembro de 2007 organízase un Grupo de Traballo Institucional, onde están representadas todas as institucións mencionadas e os concellos de Chaves e Verín, responsable do impulso político e do acompañamento da iniciativa.
O 18 de decembro de 2007, tivo lugar, en Chaves, a cerimonia oficial de presentación da ‘Eurocidade Chaves-Verín’, e do seu Plan de visibilidade.
Finalmente, en xaneiro de 2008, a consecuencia dun mandato do citado Grupo de Traballo Institucional, comezaron os traballos para a realización dunha Axenda Estratéxica da Eurocidade para definir o perfil da Eurocidade Chaves-Verín. Para iso, adoptamos unha metodoloxía de traballo baseada nun enfoque “de abaixo cara arriba”, tendo en conta a opinión dos axentes sociais e económicos, así como dos cidadáns e os responsables políticos e sociais. Deste xeito, buscamos establecer unhas liñas directrices de desenvolvemento que satisfagan as expectativas de todos os eurocidadeanos.